Ruta a pé pola Costa de Soavela e montes do Hío, no concello de Cangas, cunhas vistas excepcionais sobre as rías de Vigo e Pontevedra, illas Cíes, Ons e océano Atlántico. Trátase dun percorrido sinxelo, apto para todas as idades e ideal para excursións familiares, que nos levará ata o cumio da parroquia do Hío, o Outeiro Batente, para despois achegarnos aos cantís da Costa de Soavela.
- Tipo de actividade: Sendeirismo
- Orixe: Igrexa de Santo André do Hío (Cangas do Morrazo)
- Distancia: 11,23 quilómetros
- Desnivel positivo: 344 metros
- Tempo: 2:45 horas
- Dificultade: IBP=43 / Sinxela, ruta por pistas e sendeiros amplos.
- Tipo de ruta: Semicircular

Saída dende o adro da igrexa románica de Santo André e Cruceiro do Hío para subir ben dereitos cara o Outeiro Batente, miradoiro e punto máis alto da parroquia. Dende alí, pasamos xunto aos terreos da cooperativa Pouso da Serra, adicada á gandeiría ecolóxica e á apicultura, para dirixirnos cara o norte polas Porteliñas. Na nosa singradura cara o Miradoiro do Pozo Negro, paga a pena separarnos un chisco do camiño principal para achegarnos ao Chozo de Pastores, unha edificación levantada aproveitando unha das numerosas laxes do terreo.
Despois dunha pequena baixada, subiremos aos acantilados da Costa de Soavela por un carreiro empedrado que nos levará ata o punto máis septentrional da ruta. Regresaremos cara o sur por unha pista bañada polo océano Atlántico que nos ofrece unha panorámica de toda a costa e de boa parte das Rías Baixas, destacando as vistas dende o Miradoiro do Pozo Negro. De volta cara ás Porteliñas, nun cruce de camiños perfectamente sinalizado, é posible e recomendable alongar o percorrido para achegarse ao Monte do Facho, excepcional lugar que acolleu ao longo dos séculos diversos asentamentos humanos.
Trátase dunha ruta recomendada para todos os públicos, tecnicamente moi sinxela xa que transcorre por pistas forestais e sendeiros amplos. A esixencia física da mesma resúmese na subida ata o Outeiro Batente, no inicio, e na súa lonxitude. Recoméndase a carga de auga nalgunha das fontes existentes na saída, ben na Casa Rectoral ou na Fonte do Geu, lavadoiro veciñal situado xusto detrás da mesma, xa que non hai fontes en todo o percorrido.
*A ruta sigue o Sendeiro Circular da Costa de Soavela, unha iniciativa do Concello de Cangas xunto á Comunidade de Montes do Hío, levada a cabo pola cooperativa Árbore Arqueoloxía. A orientación é moi sinxela grazas a sinalización en amarelo e branco (clásica dos PR) e só nos separamos do percorrido marcado nun único punto, no final da subida ao Outeiro Batente, para evitar a repetición dun cortalumes.
Realizada en agosto do 2021, pode facerse en calqueira época do ano.
Descarga o arquivo GPX da ruta